top of page

GRAZAS POR EXISTIR

Actualizado: 24 may 2020

O AGRADECEMENTO é a acción de dar as grazas, é valorar aquilo que temos ou que nos regalan. O agradecemento únenos cos demais e ensínanos a ser xenerosos con todo o que a vida nos ofrece.

Para ser agradecid@s temos que observar moito todo o que hai ao noso redor para poder valoralo, mirar a beleza da natureza, as cousas cotiás e aprender delas.

Isto quere dicir que só podemos agradecer as cousas boas que nos suceden? Pois non, cando nos ocorre algo malo, como enfadarnos, caer, estar tristes, unha pandemia... sempre, sempre aprendemos moitas cousas novas que nos axudan a superarnos, así que temos que estar moi agradecid@s! Se nunca estivéramos tristes... non valoraríamos a felicidade, verdade?


Para ser agradecidos temos unha fermosa palabra que no noso idioma é GRAZAS pero seguro que a sabedes en moitos outros idiomas! Dígovos algunhas: GRACIAS, OBRIGADO, THANK YOU, MERCI, DANKE, MAHALO, GRAZIE... a que vos soan moito?


Pero cando estamos agradecid@s, ás veces, non dicimos esta fermosa e poderosa palabra. En ocasións é suficiente con algún xesto bonito coma un sorriso, un bico, unha aperta... como cando nos regalan algo que damos bicos, cando nos fan rir que aplaudimos, ou cando nos dan unha sorpresa que saímos correndo a dar unha aperta... Hai tantas maneiras de agradecer coma ti queiras! O importante é que a outra persoa o entenda e o sinta. Mira este corto clicando AQUÍ.


Agora imos facer un exercicio para traballar a GRATITUDE ou AGRADECEMENTO:

  • Quero que peches os ollos e que imaxines a unha persoa (pode ser mamá, papá, un amigo/a, un irmán/irmá…) que sintas que fixo algo bonito por ti. Podes imaxinar tamén o planeta ou o universo… Ti elixes!

  • Identifica a que ou a quen estás agradecid@ e por que.

  • Cando o teñas, pensa uns segundos en como llo agradecerías.

  • Abre os ollos e fai un cartel de agradecemento que poña unha mensaxe ou xesto como por exemplo…“GRAZAS POLO QUE FIXECHES POR MIN”.

Tamén podes engadir unha carta ou tarxeta para explicarlle por que estás agradecido.


Se podes entrégallo ou gárdao para cando poidas darllo. Só con pensar nesa persoa xa estás facendo un acto de agradecemento e o teu amor seguro que lle está a chegar.


Agora tamén lle imos dar as grazas á nosa casa por aguantarnos tantos días dentro dela e acollernos cando máis o necesitamos.

Fai varias tarxetas coa palabra GRAZAS e ponas pola casa naqueles lugares que sintas que tes que estar agradecid@ por darche calor e facerte sentir ben, calmad@, relaxad@ cando nin se quera ti sabes o que che ocorre.


Recorda dar as gracias cada día (podes escribir frases como estas e pegalas na túa mesiña para ler todos os días cando te levantes/deites...):

GRAZAS polo marabilloso día que teño.

GRAZAS por ensinarme.

GRAZAS polas dificultades para poder aprender e superarme.

GRAZAS pola xente que me quere.

GRAZAS por ter saúde e un fogar.

GRAZAS por poder disfrutar da natureza.

GRAZAS por respirar.

GRAZAS, GRAZAS, GRAZAS.

Todo é perfecto na miña vida. GRAZAS.

161 visualizaciones

Comments


Publicar: Blog2_Post
bottom of page